Quen somos

Xa fai uns anos que un grupo de xente que colaboramos co diario dixital da Costa da Morte Que pasa na Costa, , amantes do fútbol da Costa, andabamos rumiando a idea de sacar unha publicación que aglutinara a todo o fútbol costeiro. Non tiñamos claro o formato pero si a filosofía do proxecto: tiñamos que estar todos os que facemos algo no mundo do balompé local. 

E mira ti por onde que tras varias intentonas, apareceu este ano Sportcrom, para propoñernos a edición deste álbum que tes nas mans. Abríusenos o ceo e lanzámonos de cabeza. E non estamos todos, iso vaia por diante. Por motivos obvios de espazo, os clubs de 3ª Autonómica non teñen cabida neste primeiro álbum, esperemos que en vindeiras edicións poidamos conseguir que tamén vaian representados, pois son tan acredores dese dereito como os clubs que si aparecen nel. 

Nace esta publicación, que xa traspasa a fronteira de álbum para converterse en algo case que enciclopédico, coa idea principal de unir. De unir a todos os que estamos espallados polos campos adiante detrás dunha mesma pelota e duns mesmos soños. E que mellor maneira de unir que coñecernos. Aí radica a chave da importancia de publicacións como esta, no feito de que agora todos imos saber de todos. Cantas veces non se fan as clásicas preguntas nos vestiarios costeiros... e quen sería o 7 do Mazaricos? Xojaba de carallo... ou... creo que o 12 do Camelle estuda comigo na Coruña, pero non estou seguro. Agora acabáronse as dúbidas. Poderemos saber isto e moito mais soamente ollando estas páxinas, sempre e cando teñas a colección completa, claro. 

Máis de 700 cromos, onde se escribe unha historia, a da tempada 2013/2014, e ao mesmo tempo mil historias paralelas, as de todos os que aparecen e de moitos que non aparecen, que tamén axudaron a construír as nosas lendas persoais e particulares. Así quixemos lembrar un anaquiño de pasado do fútbol da Costa, e tes a túa disposición 4 páxinas de historia que servirán como acta levantada para futuros curiosos dos datos e feitos futbolísticos da Costa da Morte. Tráxico nome o da Costa da Morte, que moitos tentamos que sexa a Costa da Vida

Esperemos que esta publicación axude a dar alento a todos os que traballan en prol da nosa particular aldea gala que resiste ao romano invasor, e en particular a ese eido fundamental da vida: o deporte, e ós nosos deportistas, hoxe mais que nunca protagonistas. Cando fales con xente que non coñece a Liga da Costa, non lle contes o do álbum: consigue o teu cromo e ensínallo, porque senón ninguén te vai a crer.


Cómpre facer os necesarios agradecementos a todos os que fixeron posible que este Nadal poidamos poñernos a intercambiar cromos cos nosos compañeiros, amigos e familiares. Temos que agradecer a aqueles que desinteresadamente nos axudaron a que este álbum vira a luz: a todos os patrocinadores, aos directivos, adestradores, xogadores e seareiros que nos facilitaron a recollida de datos, a David Castro como colaborador activo, a Manolín, a David Vidal, ao Concello de Santa Comba por facilitar a celebración da Gala de Presentación, e aos moitos que de seguro nos deixamos atrás.


Proxecto feito polo diario dixital da Costa da Morte Que pasa na Costa.